11/09/2006

Manifesto da Plataforma contra a criminalización da xuventude

O pasado mes de Setembro o Pleno Municipal de Compostela aprovaba a chamada Ordenanza de Residuos e Limpeza Viaria, que ten como principal obxectivo erradicar o botellón da cidade estabelecendo cuantiosas multas pola súa prática.

Apesar da Ordenanza non entrar en vigor até dentro dunhas semanas, o Concello xa ensaia en Compostela a sua aplicación. Desde primeiros do mes de Outubro ducias de policías uniformados e á paisana ocupan a cidade cada fin de semana, intimidando a mocidade e praticando identificacións e identificacións arbitrarias.

Perante isto as organizacións e colectivos que compomos a Plataforma contra a criminalización da juventude manifestamos:

- A nosa frontal oposición á Ordenanza municipal que supón un novo recorte dos xa de por si raquíticos dereitos d@s moz@s e perfecciona o control social nas ruas e prazas da cidade.

- A aprovación da Ordenanza culmina meses de intoxicación por parte dos medios de comunicación, principalmente El Correo Gallego e en menor medida La Voz de Galicia, que lanzaron unha intensa campaña para criminalizar os espazos de lacer d@s moz@s, concretamente do botellón.

- Mais unha vez, @s moz@s fomos excluíd@s dun debate do cal somos @s principais protagonistas. Contrariamente, en vez de abrir unha mesa de diálogo entre os colectivos implicados, o debate ficou reducido aos medios de comunicación e a declaracións nestes dos representantes institucionais do Concello de Santiago de Compostela.

- Nen aos medios de comunicación que criminalizan a prática do botellón nen aos partidos que aprovaron a Ordenanza lles importa a saúde da xuventude. Para eles a saúde pública é só unha oportuna coartada. Que a campaña contra o botellón non cuestione os inxentes beneficios que tira o Estado da distribución das drogas legais, tales como o alcol ou o tabaco, así o demostran.

- Non é aceitábel que o botellón, fenómeno amplamente propagado entre @s moz@s en Compostela, sexa abordado dentro dunha Ordenanza para a regulación da limpeza e da recollida dos residuos na cidade. Isto demostra o pouco interese dos partidos representados no Concello de Compostela pol@s moz@s.

- Coa aprovación da Ordenanza, o Concello de Compostela recolle o testemuño da Lei do Botellón aprovada ás portas das últimas eleccións municipais. Perante a imposibilidade de solucionar os problemas reais que sofremos @s moz@s, tales como as dificuldades para acceder a unha vivenda digna, as altas taxas de precariedade que sofremos no ámbito laboral ou o depauperado ensino público, inventa problemas, neste caso o botellón, criando unha cortina de fumo que oculta a sua incompetencia e a miseria estrutural a que a mocidade está condenada.

É hora de pasar á acción e dar unha resposta contundente. A Ordenanza, camuflada como norma para a regulación da limpeza viaria, esconde un plano represivo que ten como obxectivo tirar a mocidade da rua, endurecendo o control policial e alargando a continua diminución dos dereitos que pratica este Concello, inimigo declarada da liberdade de expresión.